O PLE (Contorno Persoal de Aprendizaxe) de Estefanía Pérez Abalo
Seguindo as indicacións de Carlos Parada Gandós, entendo que o PLE (Contorno Persoal de Aprendizaxe) é un conxunto de recursos, ferramentas e fontes de información que empregamos para aprender e/ou estar informadas, utilizando as tecnoloxías que se atopan ao noso alcance.
Para saber máis sobre os PLEs recoméndanse como persoas de referencia a Jordi Adell e a Linda Castañeda. Nos seguintes enlaces pódese ampliar este concepto:
- Jordi Adell nos explica que es un PLE (Personal Learning Environment).
- Libro (descarga gratuíta): Entornos Personales de Aprendizaje: Claves para el Sistema Educativo en Red.
O meu PLE, o PLE de Estafanía Pérez, ten como recursos chave as ferramentas de Twitter, LinkedIn, Facebook, WhatsApp e GMail e, de xeito máis recente, Blogger. En suma, tamén emprego Zoom e as miñas principais fontes de información actualmente son Google, DOG, BOPPO e Dialnet. Deixo a continuación unha imaxe máis ilustrativa do citado.
Para ampliar o meu PLE e así lograr ter maior organización nas miñas fontes de información comecei a empregar a ferramenta Feedly.
Feedly é un recurso de internet que mediante o emprego de RSS (Really Simple Syndication) nos permite acceder a todos os contidos actualizados das páxinas web que nós previamente teñamos seleccionado. Feedly ofrécenos de xeito organizado realizar as seguintes funcións:
- Subscribirnos a todos os portais de internet (aqueles con RSS) que nos interesan.
- Ler todos os contidos neles publicados.
- Informarnos sobre as últimas actualizacións incorporadas.
- Ter reunido nun mesmo lugar todo o contido que nos interesa.
- Poder ordear e filtrar os sitios web por categorías.
Deste xeito, Feedly supón a gran vantaxe de aforrar tempo ao non ter que consultar cada páxina individualmente, evita a saturación de correos electrónicos de todas esas páxinas, conta cunha ampla capacidade organizativa e permítenos ter sincronizada a información dende todos os dispositivos que nos conectemos. O seu principal inconveniente é que todo o anterior só se pode realizar con aquelas páxinas que dispoñen de formato RSS.
Seguindo o dito, aquí vos presento o meu Feedly cos principais recursos empregados ata o momento:
- División das fontes de información en categorías (Boletíns, Educación, Igualdade e Orientación).
- Apartado de artigos ou noticias que quero ler logo.
- E un taboleiro realizado con artigos e noticias dunha mesma temática que no meu caso engloba dúas das categorías anteriores (Igualdade e Orientación). Neste apartado non só teño elementos que xa están dentro de Feedly senón tamén outros que aínda que o propio me interesa, a páxina a nivel xeral agora mesmo non. O meu taboleiro chámase "Igualdade e Emprego".
Agora, ao haber empregado a nova ferramente de Feedly, o meu PLE inicial muda e pasa a quedar do seguinte xeito:
Sen dúbida, dende agora Feedly quedará anclado no meu PLE, pero sen descartar novas incorporacións como Scoop.It, Diigo ou Pocket. Debido á gran cantidade de información coa que contamos actualmente dispoñer dunha ferramenta organizativa resúltame indispensable, aínda tendo presente a limitación que supón poder contar só con páxinas que dispoñan de RSS, os seus beneficios son infinitamente superiores.
Se alguén se anima a empregar esta ferramenta, aquí vos deixo unha guía básica en español sobre como darse de alta e empregar Feedly, ademais duns breves consellos para sacarlle o máximo proveito posible.





No hay comentarios:
Publicar un comentario